Comezaremos o noso percorrido na Praza de Santa Ana, onde unha estatua do escultor Buciños que rende homenaxe á vendima, nos lembra que estamos nunha zona vitivinícola. Dende este lugar podemos achegarnos ata o Parque Eloísa Rivadulla, no que antigamente se celebraban as feiras de gando os días 5 e 21 de cada mes.
Para adentrarnos no centro histórico continuaremos polas rúas peonís Leonardo Rodríguez e Comercio ata a Praza do Mercado, na que se atopan a Casa de Lemos do século XVI e a igrexa parroquial de Santa Mariña, con fachada neoclásica. Neste punto temos a opción de achegarnos pola marxe esquerda da igrexa até a Praza da Paz e pola marxe dereita contemplar a Praza de España, máis coñecida como Praza do Cantón, coa Casa do Concello ao fondo. Finalmente, se optamos por continuar pola rúa porticada Dous de Maio chegaremos ata a Alameda Xavier Costa Clavell, para encontrarnos co río Asma e percorrer o seu paseo fluvial de 2 km de lonxitude, por ámbalas marxes, ata a área recreativa do Sangoñedo.
Servizos Turísticos Relacionados
Contidos Relacionados na Web
Saímos da vila de Chantada pola Avda. de Lugo. Deberemos desviarnos pola estrada LU-P-1802 e continuar durante preto de 1,6 km. Continuamos por LU-P-1811 cara a San Fiz, pasando a carón da igrexa de Santo Tomé de Merlán.
Ao chegar a San Fiz de Asma seguimos pola estrada LU-P-1820 cara ao encoro de Belesar. A 900 m veremos unha casa de madeira, a carón da que parte unha ruta circular de sendeirismo, cunha lonxitude de 3 km, na contorna da Igrexa románica de Santa Mª de Pesqueiras. Desfrutaremos das fermosas paisaxes cara ao encoro de Belesar pasando por viñedos e soutos. Tamén podemos dirixirnos directamente á igrexa, que se atopa a 900 m do punto de partida.
De novo na estrada continuaremos até chegar ao encoro de Belesar, inaugurado en 1963, onde contemplaremos unha das obras de enxeñería máis singulares e importantes da súa época, que ten por obxecto o aproveitamento hidroeléctrico do río Miño.
Dende aquí, se optamos por regresar á vila de Chantada, deberemos cruzar por riba do muro de contención da presa para dirixirnos á estrada LU-533 que nos ofrece unha fermosa panorámica da zona de viñedos, a carón do río Miño. Neste traxecto podemos desviarnos cara á aldea de Belesar.
Servizos Turísticos Relacionados
Contidos Relacionados na Web
Enlaces Externos
Na vila de Chantada, dirixímonos cara á Alameda Xavier Costa Clavell, onde atravesaremos as augas do río Asma sobre a ponte da estrada LU-P-1801. A 1,2 km atópase, á dereita, a igrexa románica de San Salvador de Asma.
Retomamos a estrada principal e continuamos en dirección aos Peares. A preto de 2 km, temos a opción de desviarnos á esquerda por Líncora até a aldea de Belesar, pola estrada LU-P-1804 ou continuar o noso percorrido cara aos Peares poderemos admirar o románico da igrexa de Camporramiro, visitar algunha adega, contemplar a paisaxe do Canón do río Miño dende os miradoiros de Terra Branca, Cabo do Mundo e Sernande e facer unha parada en Nogueira de Miño, na súa igrexa románica con interesantes pinturas murais do século XVI no seu interior.
Servizos Turísticos Relacionados
Contidos Relacionados na Web
Enlaces Externos