Actual, Concello, Novas|

Actividade festival para mocidade e maiores

Chantada acolle o 11 de maio o II Festival de Charangas. Esta cita comezaba a celebrarse o ano pasado durante a Semana Santa e foi todo un éxito, polo que se decidía manter a proposta. A climatoloxía da Semana Santa deste ano fixo que a cita festiva tivese que aprazarse e celebrarase este 11 de maio.

A axenda da xornada comezará ás 12.30h co concerto de André Phmollo na rúa Leonardo Rodríguez para animar a sesión vermú. Xa pola tarde desde as 19:00h. actuarán polas rúas da vila as charangas participantes para rematar ás 23.00h. con concerto de todas as formación na Praza do Pavillón Municipal.

O concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, destaca a intención de manter esta celebración aumentando cada ano o número de charangas que acoden a Chantada e non descartan no futuro manter a celebración en maio para garantir a boa climatoloxía, “O Festival xorde de conversas coa charanga local que propuxo este tipo de actividade. Comezamos o ano pasado e resultou moi ben, daquela foron 3 charangas, este ano contamos con catro das mellores charangas de Galicia nos seus diferentes estilos, e nos vindeiros anos seguiremos aumentando, buscando sempre as mellores propostas para dinamizar a vida cultural de Chantada e ofrecer alternativas festivas para maiores e mocidade”.

Este ano as charangas que amenizarán Chantada son Louband, Union Phenosa, Bicoia e Fuego Street Band. Louband comezará o seu pasacalles na Avenida de Monforte, á altura dos centros de ensino; Bicoia farao desde a Praza do Pavillón Municipal incluíndo cara o final do percorrido espectáculos de baile; e Fuego Street Band dará comezo á súa actuación na rúa Ribeira Sacra. Xa pola noite na Praza do Pavillón Municipal comezarase con Fuego Street Band e cara as 3.00h Unión Phenosa iniciará o peche de festa.

“O Festival que celebramos o ano pasado foi marabilloso. Co Festival amenízase a ruta do bares e dáselle vida á hostalaría e aos negocios, ademais de ampliar a oferta festiva e nocturna da mocidade con alternativas que tamén farán que os maiores boten máis dunha peza”, conclúe Manuel Diéguez.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca