As figuras dos Entroidos de Galicia feitas mobles na exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada
A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata finais deste mes a exposición Entroido “Mobiliario Vestido” de Piquico, Ángel Manuel Rodríguez Romero. Trátase dunha exposición de esculturas dos Entroidos de Galicia, que inclúe pezas do Entroido Ribeirao.
Diría o autor, Licenciado en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid e profesor de instituto, que “os personaxes do Entroido non se disfrazan, vístense”; e así Piquico, conxuga o atávico da festa e a modernidade xogando cos personaxes do Entroido, elementos típicos e simbólicos como a mula, o oso,… O resultado, esculturas vestidas de mobilirario, como mesas, armarios, botelleiros, cadeiras, espellos,…
As obras son figurativas xeométricas, interesa a expresividade, a masa descuberta, a forma ou a anatomía. Con todo, o autor obtén pezas orgánicas que xogan co contraste da xeometría do mobiliario, con cores e texturas. Mobiliario vestido pretende mostrar a continuidade entre corpo, roupa e moble. Así descóbrese que esa lámpada de pé é un Volante de Chantada.
Piquico destaca os aspectos que complican a elaboración deste tipo de pezas:
- A interpretación de cada un dos personaxes reais do Entroido
- Incluir a funcionalidade como mobiliario que son
- As obras son desmontables para o seu traslado, e as dintintas pezas son moi delicadas
A exposición é unha homenaxe ao traballo con madeira para reflexar raíces, tradición e crenzas. “Un mundo imaxinario cheo de vida e de movemento”, como apunta, Carmen Quintero, doutora en Belas Artes.