O Pavillón Municipal de Deportes acolle o Campionato Galego Absoluto e de Clubs
Este mércores presentouse en Chantada unha cita deportiva que reunirá na vila o 17 de febreiro a centos de persoas vinculadas co karate. No pavillón municipal desenvolveranse as diferentes competicións do Campionato Galego Absoluto e de Clubs que organiza a Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas coa colaboración do Concello de Chantada. A xornada de mañá comezará ás 9:00h e a de tarde ás 16:30h.
No Pavillón Municipal de Deportes competirán 391 deportistas de 121 equipos pertencentes a 37 clubs. A organización amosa a súa satisfacción polo incremento das cifras de participación neste encontro que contará con 17 árbitros e un equipo de staff integrado por 16 persoas.
“O ano pasado xa organizamos este Campionato en Chantada e foi un éxito, a participación foi moi boa e este ano aínda é maior. Gústanos moito facer estas celebracións en vilas porque locen moito, nótase a xente pola rúa. Xuntámonos 500 persoas da competición e otras tantas de acompañantes. A grada o ano pasado era unha marabilla”, asegura o Presidente da Federación, Óscar Lafuente.
A competición deste sábado en Chantada é clasificatoria para os Campionatos de España Absoluto e de Clubs. A entrada é de balde e tamén poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Karate e da plataforma web Karate Scoring.
O director de arbitraxe da Federación e representante dun club de Karate en Chantada, José Ignacio Muñoz destacaba, “É un Campionato moi tenso porque hai unha rivalidade terrible entre moitos clubs, como se fora un Atlético de Madrid-Real Madrid. Esperamos que esa rivalidade sexa controlada e que o público a reciba con agrado”.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, agradecía que se volva a escoller Chantada para esta celebración, “Agradezo os anos que leva Iñaki traballando polo karate en Chantada, de non ser por el non teriamos celebrado estes campionatos en Chantada. Este ano ten máis mérito porque se marcharades de Chantada descontentos non volveriades. Iso quere dicir que aquí tratamos ben a quen nos visita. Agradezo que vos acordedes de Chantada”.
A concelleira de Deportes, Belén Vázquez, remataba asegurando que a segunda quincena de febreiro estaría chea de emocións deportivas e de moita xente en Chantada, ao acoller a celebración deste sábado, 17 de febreiro, e o día 23 unha nova etapa do Gran Camiño.